Saturday 04 de May de 2024

A exposición fotográfica ‘Tres Aires – Mil Sensaciones’ inagúrase este venres 15 de abril no Centro Cultural de Sigüeiro


O Concello de Oroso colabora con este proxecto do Club Hípico Amazonas e Cabaleiros, con corenta imaxes de José Manuel Seco

A exposición ‘Tres Aires – Mil Sensaciones’ inaugúrase este venres 15 de abril ás 20:30 horas no centro cultural Fernando Casas de Novoa en Sigüeiro. Trátase dunha mostra de 40 fotografías organizada polo Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, que conta coa colaboración do Concello de Oroso. Estará aberta ata o 30 de abril (en horario de 9 a 20 horas) con entrada libre. No acto de apertura haberá música clásica en directo, coa actuación de ‘Camerata Caminata’.

As imaxes son da autoría de José Manuel Seco (J.M. Seko como sinatura artística), e teñen como temática a relación entre o cabalo e quen o monta. Están acompañadas por textos de Theodor Smeu, dramaturgo e grande afeccionado á hípica. A intención dos responsables da exposición é dar a coñecer “a arte da equitación desde unha perspectiva diferente”. Así, quen acuda a ver as fotografías poderá evocar as “mil sensacións” que ofrece ir a cabalo en calquera dos seus tres aires: paso, trote e galope.

‘Tres Aires – Mil Sensaciones’ ten a peculiaridade de ser un proxecto financiado a través de micromecenado, mediante a plataforma Verkami. O proceso, pechado hai uns días, logrou dezaoito achegas, que suman un total de 620 euros. Inicialmente, solicitábanse 500 euros para o desenvolvemento da actividade. A cantidade adicional vaise destinar a mellorar as instalacións do Club Hípito de Amazonas e Cabaleiros de Oroso, en concreto para ampliar as zonas de pasto dos cabalos.

Como compensación ás súas achegas e en función da súa cantidade, os mecenas reciben libretas específicas da mostra, fotografías da mostra impresas en papel, camisetas, pósters, sesións individuais de fotos á beira do Tambre en compañía dun dos cabalos do club, rutas a cabalo con sesión de fotos, cursos de fotografía ou un libro editado con motivo da exposición.